Saturday 04 de May de 2024

O Concello mellora a accesibilidade do parque infantil de Santa Margarida


Os traballos de reforma do espazo, que comezaron esta semana, suporán a instalación dun novo firme tanto na área de xogos como na súa contorna

O Concello vén de poñer en marcha os traballos de reforma do parque infantil de Santa Margarida-Padre Sarmiento. O obxectivo desta actuación é a maellora da accesibilidade do recinto, dentro do acordo de colaboración asinado coa Fundación Abrente, que asesora activamente aos técnicos da concellaría de Urbanismo, Infraestruturas, Mobilidade e Vivenda.

Durante as próximas semanas substituirase a área perimetral de tarima de madeira por unha lousa de formigón impreso con debuxo e cor que imita a madeira. Renovarase tamén a totalidade do firme de caucho. Está previsto que os traballos rematen a mediados de febreiro, en función das condicións meteorolóxicas.

Esta actuación forma parte do plan de renovación integral dos espazos de lecer impulsado polo Goberno de Inés Rey. Esta estratexia foi anunciada o pasado mes de xuño do 2021 pola alcaldesa e ten como obxectivo que os 139 parques infantís da cidade cumpran coa normativa de accesibilidade e estean nas mellores condicións. Este plan tamén busca dotar a todos os barrios da Coruña destes espazos modernos, seguros e accesibles. Para conseguilo, o Concello asinou un convenio coa Fundación Abrente para que asesore aos técnicos en materia de accesibilidade.

O Concello da Coruña leva investidos no que vai de mandato 1,3 millóns de euros no mantemento e mellora das zonas de xogo para nenas e nenos. Nestes últimos meses do ano acometéronse traballos no parque de Oza e no de dos Xardíns de Méndez Núñez. O seguinte será o da praza de San Xaime, na Sagrada Familia, e tamén está previsto o acondicionamento do parque de Berta Tapia, en Labañou. Cabe destacar tamén a instalación do primeiro carrusel integrador que hai na cidade, en Méndez Núñez. Trátase dunha estrutura que pode ser usada por persoas en cadeira de rodas. Desde o inicio do mandato renováronse 18 parques infantís, creáronse dous novos, os de Breogán e A Zapateira, e rematáronse as obras do novo parque de San Vicente de Elviña.